luns, 23 de marzo de 2020

#EuQuedoPeroNonParo

Ola familias! 

Como vos atopades? Esperamos que todas esteades ben e sigades activas coas vosas rutinas. Temos moitas ganas de saber o que estades a facer cada unha de vós! De momento, aquí vos ensinamos as primeiras mostras que non achegan ao correo do blog.

Este cartaz tan vistoso realizárono Saínza (1º EP) e Aldán (5º EI) nun cartón de refugallo, unha vella caixa de cereais; ben feito por vós! Ademáis de debuxar, fan as tarefas escolares e toman o sol preto da fiestra porque saben que TODO SAIRÁ BEN.


Aquí Amaro (4ºEI) e Estevo (1º EP) xunto co seu irmanciño traballando arreo para rematar os seus debuxos para colgar na ventá. Mentres debuxaban aproveitaron para coller toda a vitamina D que nos chega do sol. Bravo por vós!

Alfonso (3º EP), Maite e Pepa (6º EI) diante do seu cartaz, que como vedes non pasa desapercibido! Noraboa, así se fai!


                                            
Grazas por compartir o teu arco da vella, Vera! Chégannos os teus bicos!

Moitas grazas pola vosa participación. Danos moita alegría vervos tan activos; botámosvos moito de menos, e animámosvos a seguir contándonos o que facedes.

#euquedonacasa #nósquedamosnacasa #yomequedoencasa #todosairáben

DÍA DA POESÍA

Este sábado 21 de marzo celebrouse o Día Mundial da Poesía e, Antonio García Teijeiro, un dos nosos poetas favoritos aproveitou para recitarnos algúns poemas dun do seus últimos libros Paseniño, paseniño

             
Lembrade que á volta poderedes atopar este libro e moitas outras obras do autor na nosa biblioteca.
Oxalá vos animades a lanzar os vosos poemas ó aire ou grabarvos para que vos escoitemos dende as nosas casas. Animádevos!

xoves, 19 de marzo de 2020

TODO SAIRÁ BEN!


Estes días de pechamento, vemos pola ventá como outras ventás veciñas comezan a encherse con debuxos e cartaces cheos de esperanza que nos axudan a sobrelevalo. Dende o Equipo de Biblioteca e EDLG vos animamos a participar nesta iniciativa que está a levarse a cabo por todo o país e a compartir con nós toda esa arte e mensaxes positivas que estades a realizar. Será unha maneira de achegarnos ás nosas compañeiras e compañeiros que tanto botamos de menos!




Enviade as vosas fotos debuxando, dos debuxos, ou videos de ánimo ao correo do blog: ceip.practicas.corunha@gmail.com 

mércores, 18 de marzo de 2020

#NósQuedamosNaCasa

Moi boas, familias!

Aquí vos deixamos un vídeo que envía Marcos de 6º de EI onde leva a cabo un experimento no que podemos ver a importancia de lavarnos ben as mans con xabón. Lembrade enxaboarvos ben as mans para espantar eses virus!


Se queredes compartir no blog algún tutorial, vídeo ou algunha imaxe vosa traballando e explicándonos as vosas rutinas destes días, podedes envialo ao correo ceip.practicas.corunha@gmail.com, recordade grabarvos ou escribirnos EN GALEGO. É importante que saibades que este correo de gmail é só para asuntos vinculados ao blog; non é o correo da escola.

Gustaríanos compartir con vós outros recursos e consellos que atopamos na rede sobre como afrontar o tema cos miúdos da casa, seguro que vos son de interese:

Consellos para periodos longo na casa: https://www.orientacionandujar.es/wp-content/uploads/2020/03/Consejos-Psicologicos-para-largos-periodos-dentro-de-casa.pdf.pdf