mércores, 25 de decembro de 2019

BOAS FESTAS

Postal creada pola alumna Sofía Téllez Fernández de 6º de EI

Ademáis de desexarvos unhas boas festas, queremos deixarvos a guía de lecturas que elaboramos no centro para as próximas datas. Oxalá atopedes nela o agasallo que estabades buscando... Que non haxa Nadal sen libros!


xoves, 5 de decembro de 2019

Visitamos o noso Porto!


Os nenos e nenas de Segundo de Primaria pasamos unha xornada moi divertida no Porto de Coruña.
Alí percorremos diversas zonas do Porto Interior, como o Peirao de Trasatlánticos e o Peirao de Linares Rivas. Na Lonxa baixamos do autobús e percorremos a pé o seu interior; visitamos o Centro de coordinación e seguridade do porto, asistimos a unha actividade didáctica de simulación dunha poxa e por último, visitamos os almacéns de exportadores e as salas de poxa da lonxa.
O máis interesante foi poder ver de cerca e tocar especies como o rape, pescada, un peixe espada xigante, centolas, nécoras, luras, polbo, percebes, cigalas, bogavantes e mesmo un tiburón. O noso guía Manuel e os traballadores da Lonxa deixáronnos xogar co xeo. Pasámolo xenial!



mércores, 27 de novembro de 2019

O CEIP DE PRÁCTICAS BERRA NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO



25 DE NOVEMBRO
DÍA INTERNACIONAL CONTRA Á VIOLENCIA DE XÉNERO.

Onte, 25 de novembro, foi un día negro. As nosas vestimentas tinxíronse da mesma cor que a lacra social que estamos a vivir.
Familia e escola teñen que traballar unidos contra este mal, dende as idades máis temperás. A educación é a chave clave.
Para berrar que estamos todas e todos unidos dispostos a loitar contra a violencia de xénero, cantamos " CHEA DE VIDA"  de Guadi Galego.
Erguemos moi alto as mans de cor morado, reivindicando que NIN UNHA MENOS.


Deixamos aquí, a nosa manifestación e total inaceptación contra a violencia de xénero.




Tamén tivo lugar un obradoiro con representacións teatrais e finalmente, saímos todas xuntas e todos xuntos facendo  un lazo representativo do día.







mércores, 20 de novembro de 2019

OS DEREITOS DA INFANCIA

Hoxe mércores día 20 de novembro celébranse os 30 anos dos Dereitos da Infancia e dende o noso cole decidimos recollelos nun video para lembralos e darllos a coñecer a aqueles que aínda non os coñecen. Porque coñecelos é o primeiro que podes facer polos nosos dereitos. E esta é unha boa data para reflexionar sobre cómo respectamos e promovemos estes dereitos.


Pensades que estes dereitos se respectan e se cumpren para todas as nenas e nenos no mundo? E aquí preto de nós? Tamén é por igual entre as nenas e os nenos? E que pasa coas crianzas con algunha discapacidade, terán as mesmas oportunidades?

Deixámosvos dándolle unha volta.




xoves, 14 de novembro de 2019

Unha semana de medo!

En Segundo de Primaria pasamos unha Semana de medo 👻realizando traballos terroríficos, caracterizándonos de personaxes maléficas e dramatizando o conto do Tesouro da momia 💀


mércores, 13 de novembro de 2019

ALGUNHAS CANCIÓNS I



As nenas de Infantil queremos compartir con vós algunhas das cancións e poemas que sabemos para que poidades recitalas connosco. Esperamos que vos gusten.

martes, 12 de novembro de 2019

EXTRA, EXTRA! O PAPAGAIO XA ESTÁ AQUÍ!

Temos nova suscripción na BiblioXocas!

Trátase do xornal O PAPAGAIO, un xornal editado en papel a toda cor, en galego e para xente miúda. Trata temas de ciencia, ecoloxía, banda deseñada, arquitectura, literatura... e todo isto dunha forma amena e divertida.

Recibirémola mensualmente e poderedela atopar na biblioteca aínda que contamos cun número extra que circulará polas aulas. Nestes momentos a rapazada de 6º de EP xa está expremendo todo o seu contido... xa gozaron de momentos de lectura en grupo, comentando as noticias máis chamativas e aclarando entre eles o que outros descoñecían. 




venres, 8 de novembro de 2019

O NOSO SAMAÍN


TACHÁN, TACHÁN!! ÁBRESE O TELÓN!!:

Aparecen: Maléficas, Dráculas, Momias, Pantasmas, Cabaciñas, Morcegos, Demos,  Esqueletes,etc...

É O NOSO SAMAÍN DO COLE DE PRÁCTICAS.

Un ano máis, pasámolo TERRORÍFICAMENTE.  Primeiro coa exposición de cabazas de toda temática, dende Spiderman, Noivas Cadáver, Frankenstein. Para logo recibir á bruxa Irina que nos obsequiou cunha historia arrepiante aos máis pequenos. Os nenos de 2º de EP interpretaron unha canción que nos deixou cos pelos de punta. Nos últimos ciclos os nenos contaron algúns dos seus contos propios aos compañeiros; noraboa polo traballo!

Dentro das aulas, tivemos un pouquiño de medo posto que as nosas e os nosos alumnos, convertéronse en rapaces e rapazas posuídas, animaliños con colmiños ensanguentados, por non toparse  con cociñeiras e cociñeiros que non tiñan case nada de branco nos seus desfraces.

A esta gran festa uniuse unha banda que nos amenizou con música "enfeitizada" facéndonos danzar a reo.

Agradecer  a colaboración da ANPA na degustación de castañas, quentiñas, saborosas e sobre todo fáciles de pelar.

Que ben o pasamos!! Mágoa de ter que esperar un aniño máis.

Vémonos ata o vindeiro ano.






























A min non me comas de OQO editora foi o conto elixido para EI

xoves, 17 de outubro de 2019

UNHA CARTA MOI ESPECIAL

Hoxe recibimos unha carta moi especial; unha carta da nosa recén chegada mascota: XOCAS!

A partires do próximo luns 21 de outubro poderemos visitar a súa casa, a BiblioXocas! Estades todos convidados a vir xogar cos moitos xogos de mesa que alí hai e, por suposto, a levar ás vosas casas cada un dos centos de libros dos que dispoñemos, cheíños todos de historias e ilustracións marabillosas; estamos seguros de que vos encantará descubrilas.

Pincha na carta para saber máis...






luns, 16 de setembro de 2019

A maxia das palabras

           

Moi boas a todas e todos!

Comezamos un novo curso e para celebralo queremos compartir con todas vós o último número da nosa revista A maxia das palabras! Trátase da edición do curso anterior que ata agora non puido ver a luz. Moi pronto poderedes atopala nas aulas e levala emprestada ás vosas casas. Espero que a gozades tanto coma nós elaborándoa.

                   




luns, 10 de xuño de 2019

XOGOS POPULARES 2019

Non queriamos deixar de compartir o ben que o pasamos hai unhas semanas na nosa escola cando adicamos unha xornada aos xogos tradicionais galegos impartida polo Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) e a Fundación Ricardo Pérez y Verdes.

TIRANFUNGUEIRO, ESTRELA, DISCO-PRATO, BILLAR XAPONÉS, ZURRIAGAZO, CHANCRAS, CASTELOS DE MAZORCAS, CARREIRAS DE TARTARUGAS, RA ou VARAPAU son algúns dos xogos que puidemos practicar.


Non esquecemos o apoio visual mediante o uso de pictogramas co fin de lograr que os xogos fosen inclusivos, todos e todas participamos!







venres, 24 de maio de 2019

OS CANS TAMÉN CONTAN

O xoves foi un día moi especial para nós. Recibimos a visita de Susana e María que, ademáis de contacontos, son especialistas en adestramento canino e instructoras de cans de asistencia. Nesta visita as acompañaron Bico e Pipa, dous cans moi agarimosos aos que puidemos acariñar e aos que tratamos coa máxima consideración e respecto.

Bico con María e Susana










Pipa deixándose aloumiñar moi gostosa.



Ademais da escolla de contos coa que nos deleitaron, aproveitaron tamén para contarnos sobre a vida de Pipa e Bico e deixáronnos como agasallo a súa historia.

Comprobamos cómo Pipa e Bico gozaban tamén das lecturas e moitas de nós xa estamos preparando as nosas lecturas para lerlles aos nosos compañeiros caninos nas nosas casas.