domingo, 17 de marzo de 2019

VISITA Á BIBLIOTECA DOS ROSALES

Estes días visitamos a Biblioteca Municipal dos Rosales tras recibir as súas invitacións vía postal. As nenas e nenos de 4ª de Infantil puidemos coñecer ao paxaro Ole que compartiu connosco algúns dos seus contos favoritos. Moitas grazas Ole!





Os nenos de 5º de EI tivemos o pracer de coñecer á ovella Marisol e a súa historia e o alumnado de 6º de EI aprendemos a plantar sementes de menta con Jacinto Regadera e comprobamos a diferenza entre os libros informativos e os contos de ficción.

As bibliotecarias lembráronnos como se organizan os libros na biblioteca e onde podiamos atopalos: os contos para contar, os libros con música ou rimas, os libros con sorpresa, os libros para ver, e os libros do que mundo que me rodea...






Despois da visita á biblioteca gozamos da tirolina que hai no parque da biblioteca, encantounos esta saída!!







V O T A M O S

Estas son as mascotas para a biblioteca seleccionadas polo claustro da escola para que sexan votadas polo alumnado durante os próximos días. Teremos ata a o mércores 20 para que cada alumno/a escolla unha das mascotas. Poderedes votar no buzón instalado no recibidor do centro nas papeletas oficiais que se repartirán previamente. 

Só poderemos votar unha vez, elixindo entre a mascota número 1 de Anxo Soto Martínez de 4º de EP, a número 2 de Antía Añón Lage de 3º de EP, a número 4 de Sara Grisales Ávila de 4º de EP e a número 4 de Sara García Dapena de 6º de EP. 

Noraboa aos seleccionados e grazas a todos e todas por participar!


mércores, 6 de marzo de 2019

Entroidiño de Infantil


Durante a semana pasada celebramos o Entroido na nosa escola e seguindo os mandatos do Meco, cada día preparámonos a conciencia!

En Infantil, o xoves tocou vir de ÁRBORES xa que, como ben sabedes, estamos traballando o proxecto dos bosques "DE PÓLA EN PÓLA". Coa valiosa axuda das nosas familias fixemos os traxes coas follas dalgunhas das árbores que atopamos na nosa terriña: CARBALLOS, CASTIÑEIROS, BIDUEIROS E FIGUEIRAS foron as árbores escollidas.

Formamos familias de árbores e saímos preparadas para pasalo ben coas actividades que as mestras prepararan. Non faltaron a música nin as risas! Foi todo un éxito!


Velaquí unha mostra do ben que o pasamos: